Sunday 28 de April de 2024

O centro cultural de Sigüeiro acolle mañá venres a inauguración da exposición “Catro médicos por Oroso”


O centro cultural de Sigüeiro acolle mañá venres 21 de abril, ás 20:00 horas, a inauguración da exposición “Catro médicos por Oroso”, unha mostra colectiva de pintura protagonizada polos médicos Constantino Cuesta (Oroso), Jesús Vázquez Gallego (Lugo), Leopoldo García Méndez (Vigo) e Pablo González Leal (Ferrol). Unha exposición que será inaugurada polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e que poderá visitarse ata o vindeiro 14 de maio.

“Catro médicos por Oroso” reúne un total de 24 cadros, seis por autor, de estilos moi complementarios. Mentres Constantino Cuesta se achega ao cubismo, Leopoldo García retrata as cores do ceo e o mar do Rosal, Jesús Vázquez explora novos camiños en cada obra sen renunciar ao seu propio estilo, e Pablo Galego é quen de reconciliar as influencias da Escola de Munich e os expresionistas americanos dos anos 60.

A mostra chega a Oroso despois dun percorrido de tres anos por distintas salas de exposicións da Coruña, Vilalba, Lalín, Palas de Rei, O Saviñao… Recolle obras asinadas por catro doutores galegos que tamén apostaron por teren unha traxectoria artística. Así, ademais de médico de atención primaria en Oroso, Constantino Cuesta ten realizado varias exposicións individuais e colectivas, tanto en Galicia como en Portugal, ademais de escribir varias novelas. Pola súa banda, Jesús Vázquez ten exposto por Galicia, Canarias, Andalucía, Barcelona ou Marrocos. Leopoldo García levou as súas creacións por toda Galicia dende 2006 e Pablo Galego Leal comezou a pintar a mediados dos anos 80 e ten editada unha novela.